A inauguración da 8ª edición do festival virá cargada de nostalxia para todos aqueles cinéfilos e amantes das antigas salas de cinema. Para iso, levaremos a cabo unha dobre sesión de cine dos 80.

O dobre programa, ou dobre sesión, era un fenómeno bastante habitual nas salas de cinema de hai unhas décadas, onde se exhibían dúas películas polo prezo dunha. Esta forma de exhibición, practicamente en desuso na actualidade, noutrora enchía a programación das salas da cidade de Vigo. Falamos de salas xa desaparecidas como os cines Avenida, o cine Palermo, o Niza ou o Minicine.

Nesta sesión inaugural proxectaremos dous fitos do cine dos anos 80 que xustamente neste 2024 celebran o seu 40º aniversario.

Por unha banda, iniciaremos a proxección con “The Terminator” (1984). Protagonizada por Arnold Schwarzenegger e Linda Hamilton, esta cinta de ciencia-ficción e acción é un dos filmes de viaxes no tempo e futuros post-apocalípticos máis lembrados e celebrados polos amantes do cinema de xénero.

O filme de James Cameron supuxo toda unha revolución polos seus efectos especiais, moi innovadores para a época, así como polo emblemático deseño do cyborg. A película resultou un éxito comercial e de crítica, e axudou a lanzar a carreira cinematográfica de James Cameron e consolidar a de Arnold Schwarzenegger. A súa pegada na cultura popular é, a día de hoxe, incuestionable, sendo “o Terminator” totalmente recoñecible pola maioría da xente, visen ou non algunha das seis películas, series ou cómics que conforman esta franquía iniciada en 1984.

A dobre sesión continuará con outro fito da cultura popular e, máis concretamente, do terror: “A Nightmare on Elm Street” (1984), filme dirixido por un dos pais do cinema de terror moderno, Wes Craven.

Esta película, considerada un dos mellores slashers da historia do cinema, supuxo un enorme éxito que derivou nunha extensa franquía con seis secuelas, un remake e ata un crossover co asasino de “Friday the 13th”, Jason Voorhees.

O icónico antagonista da franquía de “A Nightmare on Elm Street”, Freddy Krueger, encarnado polo actor Robert Englund en toda a saga (agás no remake), forma parte da cultura popular e invadiu os pesadelos de centos de adolescentes durante décadas.

Como diciamos, o demoníaco Freddy Krueger xa viviu ata un crossover. Nesta ocasión, durante a celebración desta sesión, vivirá un crossover ben diferente enfrontándose ao temido T-800. Sexa quen sexa o que triunfe nesta sesión dobre, ambos serán un reclamo para o público máis freak do festival, quen poderá gozar destas dúas xoias do cinema dos 80 como as viviron hai 40 anos: na escuridade dunha gran sala de cinema.

Tras as proxeccións, faremos un coloquio co especialista de efectos especiais Ricardo Spencer, quen nos explicará como se fixeron algúns dos efectos máis memorables destes dous filmes.

Preparádevos para unha noite inesquecible de cinema clásico, nostalxia e emocións fortes. Non perdades a oportunidade de revivir estas obras mestras na gran pantalla!

THE TERMINATOR

EUA / 1984 / 108 min.

James Cameron

Proxección: Versión Orixinal subtitulada en Castelán.

Los Ángeles, ano 2029. As máquinas dominan o mundo. Os rebeldes que loitan contra elas teñen como líder a John Connor, un home que naceu nos anos oitenta. Para acabar coa rebelión, as máquinas deciden enviar ao pasado a un robot -Terminator- cuxa misión será eliminar a Sarah Connor, a nai de John, e impedir así o seu nacemento.

REPARTO: Arnold Schwarzenegger, Linda Hamilton, Michael Biehn.

GUIÓN: James Cameron e Gale Anne Hurd

MÚSICA: Brad Fiedel

A NIGHTMARE ON ELM STREET

EUA / 1984 / 101 min.

Wes Craven

Proxección: Versión Orixinal subtitulada en Castelán.

Varios mozos dunha pequena localidade teñen habitualmente pesadelos nas que son perseguidos por un home deformado polo lume e que usa unha luva terminada en afiadas coitelas. Algúns deles comezan a ser asasinados mentres dormen por este ser que resulta ser Freddy Krueger, un home cun pasado abominable.

REPARTO: Heather Langenkamp, Robert Englund, Johnny Depp, John Saxon.

GUIÓN: Wes Craven

MÚSICA: Charles Bernstein